Entrevista a Xoan Eiriz – Faro de Vigo

LOURDES VARELA -Estamos diante dun disco conmemorativo, pero, parafraseando o tango: “treinta años no es nada”. Lémbrase Vde. do seu primeiro concerto en público?
-Lembro, si: foi aló polo ano 1975, no Instituto Zalaeta d´A Coruña, nunha homenaxe á poesía de Celso Emilio Ferreiro. Mais non o puiden rematar por aquilo da censura…

-E volvendo parafrasear, subscribe o verso de Serrat -el poñía vinte, claro– “hai trinta anos que teño trinta anos?
-Eu vivo o momento, o instante, e non me gusta mirar para atrás nin quedarme quedo.

-O repertorio que Vde. elixiu para este disco é moi variado. Que criterio seguíu para seleccionar as quince cancións que finalmente incluíu no álbum?
-Tratei de seleccionar os temas máis significativos da miña carreira,procurando amosar, como sempre, a flexibilidade da nosa lingua para cantar calquera motivo.

-Por que quixo que esta celebración fose nun disco en directo?
-Non tiña ningún, dentro dos doce editados, e había unha débeda pendente. Non sei se co o público, pero si conmigo mesmo.

-E por que non incluíu ningunha canción con letra súa?
-Xa hai tempo, aínda que teño escrito algunha, que me decatei de que o meu non era escribir cancións, senón musicalas e interpretalas. Non nacín para poeta.

– Volvendo ao repertorio, a verdade é que hai detalles que chaman moito a atención, pero vaiamos por partes. De primeiras, sorprende a inclusión de “Procuro olvidarte”, todo un clásico da canción española que, entre todos os seus numerosos intérpretes, quizais quen lle dese máis fama fora Rocío Jurado. Que ousadía pola súa banda, non si?
-Estou de acordo. Pero é unha canción fermosísima de Manuel Alejandro, cantada por moitos cantantes e que á xente lle gusta moitísimo. Con ela, e coas outras cancións que adaptei ao galego, quero amosar, reitero, a flexibilidade da nosa lingua.

-“Alalá das Mariñas”, “Unha noite na eira do trigo”, “María Soliña”, “Negra sombra”…tamén son clásicos, pero da canción galega. Non tivo medo a opinións do tipo “vale, xa está este cantando as de sempre” ou “é que non hai máis cancións galegas que esas?”
-No noso país temos un riquísimo cancioneiro. Eu trato de cantar as cancións que coido chegan máis á xente e as boas cancións endexamais morren. De todas formas, este disco é un recopilatorio de máis de trinta anos cantando e estas cancións lévoas cantando toda a miña vida.

-“Alfonsina y el Mar”, gran poema e espléndida canción…Fáleme del/dela. Como, cando, por que se lle ocorreu traducila ao galego?
-É unha canción que me gustou sempre, dende rapaz. É, posiblemente, unha das cancións máis fermosas da música arxentina. Non coñezo a ninguén que non lle guste. Estou moi ledo dos arranxos do meu pianista, Gabriel Peso.

-E da súa relación persoal/profesional con “Ao meu xeito” (“My way”) e “Non me deixes, non” (“Ne me quitte pas”), que me di?
-Coido que ninguén dubida que son as dúas cancións máis versionadas, traducidas a máis idiomas e interpretadas por centos de artistas e das máis fermosas da historia da música lixeira. Estou moi orgulloso de vertelas por vez primeira á nosa lingua.

-Nunha recente entrevista, declarou Vde. que a última vez que actuou en Televisión de Galicia, cobrou en pesetas. Permítame a ironía: Saben isto en “Luar”?
-Penso que en Luar non ….

-E xa que estamos: que opinión lle merece este programa que, ao fin e ao cabo, é o único no que actúan regularmente artistas galegos?
-Non sei se axudou a que a nosa música tivera máis forza e os nosos grandísimos artistas, que temos en Galicia, puideran vivir da música, mais a música galega está atravesando por unha fonda crise e sobran os dedos dunha man para dicir os artistas que viven exclusivamente dela. Sobran as palabras….

-Respósteme sen facer un discurso vitimista. Por que hai quen diga que, malia todas as perspectivas que se tiñan aló polos anos 70, a canción en galego semella que aínda non conseguiu acadar o seu “lugar no mundo”?
-Infelizmente, somos un país que valora pouco o que se fai na propia casa e moito o de fóra, cousa que non acontece, por exemplo, no País Vasco e Cataluña, onde os seus artistas percorren o mundo levando a fala e a música como bandeira. Eu desexo, parafraseando o mestre Alvaro Cunqueiro: mil primaveras máis para a música galega.

Deja un comentario