Airapro – Primer premio Mans Futuro

O pianista de Tourilandia e de outras tantas formacións de Airapro faise co prestixioso galardón promovido pola Fundación Paideia – Galiza e a Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia. O xurado decidiu por unanimidade outorgar o primeiro premio a este músico e compositor pontevedrés que aos seus vintecinco anos recén cumpridos xa tivo ocasión de tocar con artistas da talla de Rosa Cedrón.

O xurado da sétima edición do premio á excelencia musical ‘Mans Futuro’, convocado por Mans – Paideia, decidiu esta mañá outorgar a Gabriel Peso o máximo recoñecemento na edición de 2012. O certame, accesible unicamente para músicos con cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores de música, contou ademais cunha proba de selección específica, dun programa libre de concerto dunha duración máxima de vinte minutos.

Gabriel é o pianista da banda de Tourilandia, o programa da Televisión de Galicia que dirixe e presenta Xosé A. Touriñán. Ademais, ven participando desde hai meses en diferentes producións de Airapro, como é a formación completa de Sés ou mesmo o espectáculo do Baile de Ardebullo. Aos seus vintecinco anos, compaxina o seu traballo na televisión coa súa tarefa como compositor e músico freelance. Algúns dos proxectos nos que traballa como pianista son Black Light Gospel ChoirJazz Moments, a Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña, Traviesas Jazz Band ou o seu propio trío de jazz. Tamén ten traballado con artistas como Rosa Cedrón, Xoán Eiriz ou Paco Juncal, e mesmo ambientando espectáculos de monólogos de cómicos da talla de David Amor.

Co premio de Mans – Paideia, Gabriel terá a oportunidade de gravar, editar e masterizar un CD cunha distribución de mil copias. O premio Mans Futuro ten por obxectivo recoñecer o esforzo dos estudantes dos conservatorios superiores de música galegos, servindo deste xeito á súa proxección nesta profesión.

 

Fuente | http://airapro.com/gabriel-peso-gana-o-premio-a-excelencia-musical-mans-futuro/

Deja un comentario